Skip to content
Sustentabilidade No Sector Cárnico

Frigoríficos Bandeira promove un centro de valoración de residuos

A empresa promove unha instalación que servirá para tratar anualmente máis de 48.000 toneladas de residuos orgánicos e depurar 65.000 m3 de efluentes xerados nas súas instalacións. Trátase dunha aposta de Frigoríficos Bandeira pola sustentabilidade e independencia enerxética.

O proxecto requirirá un forte investimento e permitirá a xeración de 11.500 MWh anuais de biogás destinados ao autoconsumo eléctrico e térmico, integrando unha planta de depuración mediante humidais con aireación forzada que reducirá en máis de 95 % os niveis de contaminantes nos efluentes da instalación.

A empresa enmarca dentro dos seus obxectivos a medio e longo prazo un plan de mellora das súas instalacións baseado na sustentabilidade e redución da pegada ambiental. Para iso, e da man de Norvento, Ecolagunas e Foresga, promove unha solución innovadora que abarca de forma integral a valorización de subproductos procedentes do matadoiro, a xeración de enerxías renovables e o tratamento integral das augas residuais.

Frigoríficos Bandeira investirá nunha planta de biogás que permitirá valorizar as súas subproductos así como un sistema de humidais para o tratamento do digestato procedente da mesma, permitindo pechar o ciclo da xestión dos residuos do matadoiro.

Calcúlase que a planta teña unha capacidade para tratar 48.000 toneladas anuais de subproductos orgánicos cos que se xerará 11.500 MWh anuais de biogás, que serán utilizados para a xeración de enerxía eléctrica e térmica en forma de vapor para cubrir as necesidades do matadoiro.

O sistema de humidais con aireación forzada ou “ecolagunas” contará con capacidade para tratar máis de 65.000 m3/ano, e garantirá que se cumpran e melloren os niveis esixidos polas ordenanzas municipais, así como o organismo de conca (Augas de Galicia), reducindo en máis dun 90% os parámetros de contaminación no proceso.

Estímase que, durante a súa vida útil, a planta evitará emisións de gases de efecto invernadoiro en cantidade equivalente a 28.500 toneladas de CO2, asociadas ao desprazamento de consumo de gas natural procedente de combustibles fósiles.

Actualmente, está en fase de finalización a pilotaxe experimental que permitirá perfeccionar a operación da instalación. Espérase comezar as obras nos próximos meses, tras a obtención dos correspondentes permisos das administracións competentes.

Este proxecto acredita o compromiso de Frigoríficos Bandeira por promover un sector cárnico que vela por un modelo produtivo sostible e respectuoso co medioambiente.

Back To Top