Skip to content

Frigoríficos Bandeira ante o Covid-19

Dende F. Bandeira queremos dar as grazas a todos os nosos traballadores, provedores e colaboradores polo gran traballo desempeñado durante esta pandemia que nos tocou vivir e por saber estar á altura das circunstancias.

Se algo positivo tivo esta crise do COVID-19 foi, en primeiro lugar, o volver comprobar que en F. Bandeira contamos cun equipo de profesionais de primeiro nivel, altamente comprometido coa empresa e cos nosos clientes.

No sector cárnico estamos afeitos a manternos sempre alerta e dispostos a afrontar novos retos e desafíos. Podemos dicir que tivemos de todo, épocas de gran actividade e momentos de crises como os actuais; pero sempre saímos reforzados sabendo adaptarnos a cada nova situación.

Enfrontámonos a unha situación descoñecida e inesperada que nos obrigou a tomar decisións complexas en moi pouco tempo, moita incerteza que, grazas ao esforzo e colaboración de todos, estamos a superar.

Outro dos aspectos, a que deu lugar en Bandeira esta crise foi a aceleración do proceso de venda en liña. Este proceso que tiñamos en mente, desde hai tempo, agora definitivamente estámolo implantando na nosa páxina web (www.frigobandeira.com).

O vacún maior foi un dos sectores máis afectados polo peche da hostalería derivado da emerxencia sanitaria e a declaración do estado de alarma. Por este motivo vimos que era o momento de implantar o proceso de venda en liña para seguir operando e dar saída ás pezas do vacún maior selecto galego. Este novo modo de comercialización chegou para quedar e será unha canle máis de venda da empresa.

En F. Bandeira estamos a volver aos poucos á normalidade, os establecementos de hostalería e restauradores, entre os que se atopan os mellores do mundo, volven pedirnos carne de vacún, polo que lles estamos sumamente agradecidos.

O noso compromiso cos clientes, circunscríbese a que a calidade segue constituíndo o noso principal obxectivo polo que seleccionamos os mellores exemplares, coidando ao máximo todo o proceso de sacrificio e despezamento, para obter un produto óptimo que ofrecerlles. Defendemos a máxima calidade como imaxe de marca, sendo este noso principal valor engadido, signo de distinción que nos permitiu alcanzar o recoñecemento e confianza dos mercados, tanto nacionais como internacionais.

Por último, queremos dar as grazas aos nosos provedores que seguen confiando en nós e que, sen dúbida, constitúen o noso mellor aval e estímulo para tratar de conseguir día a día o noso principal empeño: unha “Carne Galega de Alta Expresión”.

Back To Top